René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

3º nivel de dúbida: a lóxica

 Tendo admitido o anterior nivel da dúbida, descartes destruiu xa a certeza que o realismo inxenuo lle outorgaba ós sentidos e á experiencia. Mais a pesar de todo semella que os xuízos da lóxica seguen a manter a súa validez: incluso nun mundo de soños no que a nosa percepción se vexa enganada, a suma de dúas unidades seguirá dando o mesmo resultado: dúas unidades. Para chegar a demostrar que mesmo tal realidade entra dentro do dubitable, Descartes verase obrigado a radicalizar a dúbida. Tal radicalización será exemplificada pola mal chamada hipótese do xenio maligno. Tal hipótese formula a existencia dun ser de entidade superior, capaz de controlar todos e cada un dos nosos pensamentos e sensacións, enganándonos a cada momento e facendo que mesmo as regras da nosa percepción e razón (a lóxica) non se correspondan coa verdadeira realidade, que resultaría incognoscible para nós. O suxeito cartesiano, pois, atravesou a disolución psicolóxica máis pura.
Tal hipótese encontra un paralelo na contempóranea concepción dos “cerebros nunha cubeta”, onde se sometería a cerebros mantidos vivos por medios artificiais a unha serie de impulsos electromagnéticos que lles fixesen percibir unha realidade inexistente.
Como vemos, Descartes conseguiu levar a dúbida hiperbólica tan lonxe como se tiña proposto: eliminou de maneira escéptica as pretensións de verdade de todo o considerado real e obxectivo ata o momento: o sensible, o experiencial e o lóxico.