René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

A res infinita. Dedución da existencia de Deus. A veracidade divina.

 
(…) e como non hai a menor repugnancia en pensar que o máis perfecto sexa consecuencia e dependencia do menos perfecto que en pensar que de nada proveña algo, non podía tampouco proceder de min mesmo; de sorte que só quedaba que tivese sido posta en min por una natureza verdadeiramente máis perfecta que son eu, e posuidora inclusive de tódalas perfeccións de que eu puidese ter idea; isto é, para explicalo nunha palabra, por Deus.” (Discurso do método, cuarta parte)

 A cuestión de Deus e a veracidade divina trátase tanto no Discurso do método (na cuarta parte) como nas Meditacións metafísicas (sobre todo na cuarta, aínda que tamén na quinta e a sexta). Nas Meditacións metafísicas trátase o tema con máis exhaustividade.
En primeiro lugar debemos preguntarnos por qué chegados a este punto Descartes ten a necesidade de recorrer a Deus para probar a veracidade dos nosos coñecementos. A resposta é que foi a única saída que atopou para o solipsismo, a evidencia absoluta do suxeito pero coa conseguinte invidencia con respecto a todo o demais.
Deste xeito, Descartes no Discurso do método explica que xa que non somos perfectos (cousa que se mostra no mero feito de non podernos obter coñecemento absoluto e evidente de todo), o que coñecemos debemos telo aprendido dalgún ser cunha natureza máis perfecta. Tamén enumera as características que ten Deus (e que os seres humanos non posuímos): é infinito, eterno, inmutable, omnisciente, omnipotente e, polo tanto, perfecto.
Con todo, onte se trata a cuestión da res infinita en máis profundidade é nas Meditacións metafísicas, en concreto na terceira (a partir da terceira fai referencias continuas á existencia de Deus). En primeiro lugar dá mostras do solipsismo no que se atopa. Ata o momento Descartes expuxo o seu método, os tres graos nos que somete o coñecemento a dúbida e a primeira certeza: o cogito. A continuación explicará como se garante a veracidade dos coñecementos dos que se dubidara anteriormente. Será mediante a existencia dun Deus que non sexa “enganador” (é dicir, que non sexa o xenio maligno que se formulara como hipótese na cuestión da dúbida).
En primeiro lugar, Descartes considera que as súas ideas (ou polo menos parte delas) non proveñen del mesmo, senón de fóra, non dependendo da vontade so suxeito. Os argumentos que utiliza para probar a existencia de Deus remiten precisamente ó contido do que pensa ese suxeito pensante (as ideas desta res cogitans), á idea de Deus, que é innata á alma. Ademais, de acordo co seu método debe partir do que xa coñece con claridade e distinción: a res cogitans. Son tres os argumentos e veremos a continuación en que consiste cada un.
O primeiro argumento baséase na causa da idea de Deus. As ideas teñen realidade obxectiva, son accións da mente, pero distínguense polo que representan, é dicir, polo seu contido. A causa da idea ten que ter tanta realidade coma a idea mesma, porque se non habería que aceptar que algo procede da nada (o cal é inadmisible). De aquí dedúcese que se temos unha idea superior a nós mesmo, non podemos ser nós a súa causa, senón que a causa debería ser un ser superior tamén. Posto que efectivamente temos a idea desa substancia infinita, eterna, inmóbil, omnisciente e omnipresente, ten que existir un ser con esas características que producise tal idea, co cal Deus existe. Este argumento lembra ó de Santo Anselmo, do século XI.
O segundo elemento formúlase en relación coa causa, xa non da idea de Deus, senón da propia res cogitans. A existencia deste suxeito pensante que dubida e que se descobre na dúbida debe ser tamén un ser superior, é dicir, Deus.
Por último temos o terceiro argumento, que deu en chamarse o argumento ontolóxico da existencia de Deus. Esta é a proba, quizais, máis célebre das que ofrece. Vén a dicir que posuímos a idea dun ser soberanamente perfecto, idea que posuímos clara e distintamente, coa mesma claridade e distinción coa que percibimos que os tres ángulos dun triángulo son iguais a dous ángulos rectos (180º). Con todo, esta idea non demostra a existencia do triángulo. No caso de Deus non é así, porque na propia idea de Deus incluímos a existencia, xa que un ser soberanamente perfecto debe tela entre as súas características, ou non sería perfecto (poderiamos imaxinar un ser que ademais destas características posuíse a existencia, o que o faría máis perfecto). En síntese: se podemos concibir a idea de Deus como ser perfecto, incluímos necesariamente a existencia nas súas características. Esta proba redúcese a unha intuición inmediata da natureza de Deus na que se inclúe a existencia necesaria.
Estas probas son, por suposto, refutables, sobre todo se temos en conta que recorre a Deus para probar a capacidade cognoscitiva, e por outro lado afirma a Deus a partir das ideas innatas que nos puxo na mente. Incorre nunha especie de círculo vicioso.
O que nos interesa máis que nada aquí é que da existencia de Deus no sistema cartesiano depende a certeza dos contidos da razón. Sen o coñecemento de Deus sería imposible chegar a coñecer as cousas.
A partir de aquí, Descartes vainos falar da res cogitans infinita, que é unha substancia. Unha substancia é unha cousa que existe de tal xeito que non precisa de ningunha outra cousa para existir. Cada substancia ten uns atributos esenciais e outros non esenciais. O atributo esencial de Deus é a perfección. Posúe características como as xa mencionadas: é infinito, eterno, inmutable, independente, omnisciente, omnipotente, etc.
Como conclusión podemos sinalar que para fuxir do solipsismo, Descartes recorre á existencia divina e á súa veracidade. Por suposto, un ser perfecto e bo coma Deus non vai ser un “xenio maligno” e non vai permitir que nos enganemos no contido dos nosos pensamentos. Descartes apunta, por outra banda, que coa existencia de Deus probada, xa non resulta difícil saber que ideas podemos dar por verdadeiras e cales non (en relación á distinción entre sono e vixilia, por exemplo). A veracidade divina é, polo tanto, o fundamento dos coñecementos do suxeito pensante ou res cogitans.

No hay comentarios:

Publicar un comentario