René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

A primeira certeza

 Os tres niveis de dúbida formulados por Descartes dende a perspectiva do mais radical dos escepticismos, nos leva a preguntarnos se pode quedar algo tras unha destrución tan absoluta do coñecemento posible. O que queda claro é que o que permaneza e logre superar cada un destes filtros debe ser pola mesma razón, unha verdade da mesma absoluta evidencia que a dúbida de onde xorde. Descartes comproba que si queda algo. Tras dubidar de todo, tras desconfiar dos nosos sentidos, da nosa percepción da realidade e incluso da pertinencia do noso pensamento, da nosa razón, o que queda é a afirmación da existencia do suxeito que dubida e expresa esta dúbida. Cogito ergo sum. Se penso existo. Esta non pode ser menos que unha total certeza porque aparece unha vez superadas a total das dúbidas. E de feito se nos aparece con total evidencia claridade e distinción. Non podemos dubidar da nosa existencia aínda que dubidemos do todo o demais. E é precisamente esa dúbida o que nos garanta a nosa existencia como suxeitos. O suxeito toma conciencia por primeira vez da súa existencia no momento de dubidar como consecuencia precisamente da mesma dúbida. É por iso que a forma, as características, da evidencia do cogito ergo sum, por provir do tripe filtro escéptico ven a estar determinadas por esas mesmas dúbidas.
    1. A evidencia do cogito ergo sum ven de superar a desconfianza acerca dos sentidos. Por iso, o suxeito, no mesmo momento en que toma conciencia da evidencia da súa existencia debe pechar os ollos por primeira vez cara a si mesmo e negarse a ningún tipo de conciencia que proveña dos sentidos. Así o cogito cartesiano, carece de corpo, de sustancia, de calidades materiais, polo que se limita a ser unha especie de espírito puro, que só pode asegurar a súa propia existencia e a de nada mais. Para que este cogito naza da dúbida da percepción dos sentidos debe existir á marxe da experiencia que estes sentidos proporcionan. É un suxeito seguro da evidencia da súa existencia pero cego para si mesmo.
    2. A evidencia do suxeito xorde tamén da superación da posible confusión entre soño e vixilia. O suxeito sabe que existe pero non pode nin imaxinarse a si mesmo en ningunha situación, non pode analizar se é ou non un sono o que lle pasa. Non pode usar nin a percepción nin a imaxinación. Está limitado a ser e a pensar que é, nada mais. Só así pode superar este segundo radical filtro escéptico. Para que a nosa certeza sexa verdadeiramente radical o suxeito debe pechar os ollos por segunda vez, esta vez cara a realidade exterior. resignarse a ter só conciencia de si mesmo, e quedar así relegado ó solipsismo.
    3. O mesmo sucede co terceiro e o mais absoluto dos filtros escépticos: a dubida en relación á nosa propia razón, a posibilidade dun xenio maligno que nos engane nos nosos razoamentos lóxicos. Esta é a mais radical das dúbidas e a que polo tanto deixa a evidencia do suxeito reducida á a mínima expresión da conciencia. É certo que por moito que un xenio maligno queira facerme errar non podería conseguir que deixara de crer na miña existencia, porque son cando me engano, ou cando intentan enganarme, son dubida e niso non podo enganarme. Pero para superar este ultimo filtro o suxeito debe prescindir de todo contido no seu pensamento. A evidencia adquírese pensando pero o pensamento non pode conter nada que poida ser enganoso. É dicir, o cogito cartesiano déixanos a un individuo que sabe que existe cando pensa pero que debe dubidar de calquera contido dese mesmo pensamento. En realidade non é mais que un pensamento sen predicados, unha pura dúbida.
O cogito ergo sum non deixa de ser unha verdade indubidable, o meu entender quizais a primeira das verdades enunciadas na historia da filosofía. E tivo consecuencias fundamentais en todo o pensamento posterior. Significou que por primeira vez o suxeito recoñece a evidencia da súa existencia e aparece como elemento activo no proceso do coñecemento o que deu lugar ó chamado primeiro xiro copernicano epistémico. O suxeito deixa de ser un mero espello onde o obxecto se reflectía, como sucedía no realismo inxenuo, e empeza a ser un elemento activo na constitución do sentido. A partir de agora a obxectividade deixa de ser exclusivamente unha condición previa e de carácter óntico do obxecto, para pasar a ser constituída polo suxeito. Xa non se poderá falar nunca mais de obxectividade absoluta. Así o coñecemento configúrase como unha relación entre suxeito e obxecto.
Pensamos que nin o propio Descartes era consciente da importancia do seu achado. Para el, así o afirma nas Meditacións metafísicas e no Discurso do método, este descubrimento de certeza ten importancia porque lle permite obter un criterio para a obtención de certezas posteriores. Un predicado será verdadeiro cando teña as mesmas condicións de evidencia que este primeiro ou poida ser deducido de el. Cogito ergo sum é unha inferencia extraida do propio proceso de dúbida, non unha dedución como pode parecer a simple vista dada a estrutura lóxica da frase. Descartes afirma que o suxeito só pode obter evidencia da súa existencia no mesmo momento en que formula a dúbida e só nese momento. Non é que deduza a existencia do feito de pensar. Existir e pensar funcionan a modo de dúas variables dependentes unha da outra que se infiren mutuamente á maneira das dúas variables x e y na fórmula matemática y=f(x) algo que ven moi a conto porque esta expresión foi precisamente unha das mais grandes achegadas cartesianas ó mundo da linguaxe matemática. Cando afirmo que “penso”, está implícito o pronome persoal “eu”, que é polo tanto previo o pensar, pois eu debo existir para poder dubidar. É da dúbida podo inferir a existencia, que xa supoñía previamente. Así o cogito ergo sum ten propiedades de principio verdadeiro e idea innata, que permanece en nos e que ata o momento é a única da que podemos estar totalmente seguros. O que Descartes pretende é desenvolver o método dedutivo aplicado á realidade, para o que precisa obter un principio verdadeiro do que poder deducir todos os demais. O seu método que o autor afirma que leva practicando varios anos, dera excelentes resultados en campos mais abstractos como eran as matemáticas. Non esquezamos que Descartes era un brillante matemático e os seu logros non se centran tanto en descubrimentos senón precisamente en desenvolver unha linguaxe formal e un método que se adaptaba ás necesidades da nova ciencia. Pero o método dedutivo precisa dun primeiro principio indubidable do que poder a continuación deducir todos os demais. Descartes utiliza a dúbida para achar esta primeira verdade segura e esa é a función do cogito ergo sum. O problema co se atopa o autor é que se ben no campo das matemáticas os principios poden ser puramente especulativos porque así van a ser tamén os resultados obtidos, as cousas non van a funcionar da mesma maneira cando intenta deducir a realidade material a partir dunha verdade segura pero demasiado abstracta. A necesidade de garantir a máxima verdade da evidencia do suxeito deixa a este reducido a unha mera conciencia especulativa imposibilitada para acceder á realidade exterior. É por iso que Descartes deberá acudir a outros principios, como a existencia de deus para xustificar o mundo material.