René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

A análise

 A análise é un termo empregado polos primeiros matemáticos (Euclides, Papus de Alejandría) onde así denominaban un método resolutivo de problemas matemáticos que consistía en supoñer como sabido o resultado buscado e descompoñelo en partes cada vez mais simples ata acadar a súa completa evidencia. Pese a que o lugar natural da análise é as matemáticas xa dende a antigüidade foi utilizado no razoamento filosófico. O propio Platón pon algúns exemplos desta maneira de razoar para contrastala con método dialéctico, onde se van refutando unha serie de opinión erróneas ata decantarse pola verdadeira.
Descartes coñecía sobradamente os textos matemáticos clásicos, en especial os de Pappus, con un de cuxos problemas comeza a Xeometría cartesiana. Non cabe dúbida que a clasificación das partes do método, en especial a referida a análise, está en consonancia coa teima de Descartes de proporcionar á filosofía a mesma calidade de certeza e rigorosidade da que gozan as matemáticas.
Análise significa dividir, desmiuzar, descompoñer pero dende a perspectiva do método cartesiano é unha actividade puramente intelectual. Só podemos dividir e descompoñer as cousas cando as confrontamos á luz da nosa intelixencia. Na regra XII Descartes expón o exemplo do corpo extenso que percibido cos sentidos, aparentemente parécenos simple e único pero coa nosa intelixencia podemos comprendelo como composto de corporeidade, extensión e forma cousas que na realidade nunca se dan por separado pero que a nosa razón pode intuír. Así as cousas simples son aquelas cuxo coñecemento é tan claro e distinto que non podemos dividilas máis de forma que o seu coñecemento fora máis distinto aínda. As cousas simples teñen a garantía de que son percibidas pola razón de maneira intuitiva e polo mesmo sen posibilidade de engano ou erro. Na mesma regra XII Descartes apura unha clasificación das cousas simples. Por un lado distingue as que son puramente intelectuais, que a razón pode abarcar de maneira innata sen auxilio de imaxe algunha corporal: a vontade, a dúbida, o coñecemento. Logo están as puramente materias que só coñecemos como se dan nos corpos: a extensión, a figura ou o movemento. En terceiro lugar estarían as cousas que se aplican indistintamente ó material e ó espiritual: a existencia, duración, a unidade etc. E por último as que Descartes chama nocións comúns, a modo de lazos que relacionan as naturezas simples pero cuxa verdade nos resulta totalmente evidente. Por exemplo, que dúas cousas iguais a unha terceira son iguais entre si.
As cousas simples son coñecidas por elas mesmas e non poden conter nada falso. Non cabe o erro no coñecemento que temos delas porque en canto adquirimos unha breve noción, dada a súa natureza simple e intuitiva, xa podemos abarcalas por completo. De aí a importancia da análise en tanto que descomposición do complexo en simple na adquisición do coñecemento. Así á hora de resolver unha cuestión basta con analizala e reducila ós elementos máis sinxelos, aqueles sobre os que podemos obter a certeza intuitiva e sobre os que non cabe posibilidade de erro. Desta maneira so resta reconstruír o resultado na súa complexidade inicial, algo do que se ocupará a síntese, proceso dalgún xeito contrario á análise, que consiste en integrar e reconstruír unha cousa partindo dos seus elementos mais sinxelos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario