René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

A res extensa. A demostración da realidade do sensible.

 
E non debo en maneira ningunha poñer en dúbida a verdade de tales cousas se, tendo convocado, para examinalas, os meus sentidos todos, a miña memoria e o meu entendemento, nada me di ningunha destas facultades que non se compadeza co que me din as demais. Pois non sendo Deus capaz de enganarme, séguese necesariamente que nisto non estou enganado. Pero a necesidade dos negocios obríganos moitas veces a dicirnos antes de ter feito estes coidadosos exames; e hai que confesar que a vida humana propende moito ó erro nas cousas particulares; en suma, é preciso recoñecer que a nosa natureza é endeble e dispón de poucas forzas.” (Meditacións metafísicas, final da meditación sexta)

Descartes demostra a existencia das cousas materiais, é dicir, da realidade extramental, nas Meditacións metafísicas, en concreto na sexta meditación. Esta demostración baséase na existencia de Deus.
No comezo da sexta meditación Descartes xa afirma que a existencia das cousas exteriores xa quedou demostrada mediante a existencia de Deus, e tamén “en tanto que se consideren como obxectos das demostracións xeométricas, xa que desa maneira as concibo moi clara e distintamente.” (Meditacións metafísicas, sexta meditación)
A continuación fai unha disertación sobre a imaxinación e o “sentir” (a percepción sensorial). Considera que só podemos percibir aquilo que está presente e entra en contacto con algún órgano dos nosos sentidos. Conclúe que as ideas que recibe polo sentidos son moito máis explícitas e vivas cás que se podían imaxinar, meditar ou recordar. Considerou entón, que non podían proceder do propio pensamento, senón que necesariamente debían estar causadas na mente por outras cousas. Polo tanto, as os obxectos sensibles existen.
Tamén se apoia na idea da veracidade divina, é dicir, que Deus na súa perfección non nos engana con ideas erróneas sobre as cousas sensibles se non existisen (porque isto sería unha sorte de imperfección, impensable en Deus). O sentir é unha facultade pasiva, que precisa doutra (activa) para que funcione, polo tanto as cousas corporais existen fóra do suxeito pensante.
O que está natureza me ensina máis expresa e sensiblemente é que teño un corpo, o cal, cando sinto dor, está mal disposto, e cando teño os sentimentos de fame ou sede, necesita comer e beber, etcétera. Polo tanto, non debo dubidar de que hai nisto algo de verdade.” (Meditacións metafísicas, sexta meditación). A existencia do corpo próbaa, por exemplo, coa cuestión da dor ou das necesidades corporais: se fosemos exclusivamente seres pensantes (res cogitans pura) non sentiriamos dor, a dor indica que posuímos un corpo con realidade extramental. Do mesmo xeito demostra a existencia doutros corpos e, en xeral, das realidades exteriores.
Fanse referencias constantes ó dualismo de alma e corpo que establece Descartes, afirmando que hai ideas que proveñen da percepción sensible (do corpo) e outras que non precisan do corpo para que aparezan, que veñen a nós por “luz natural” (ideas innatas). O dualismo está claro desde o punto en que considera á alma e ó corpo substancias diferentes (res cogitans e res extensa). E finalmente nesta meditación tamén se establece a diferenza entre a vixilia e o sono, e a importancia da memoria.
Como substancia, a res extensa ten un atributo esencial. Este atributo é necesario e suficiente para recoñecela, e é o que percibimos clara e distintamente con respecto a ela. No caso da res extensa é, precisamente, a extensión (magnitude, lonxitude, anchura, profundidade, etc.).
A demostración da res extensa, a partir da existencia de Deus, fai posibles as ciencias, que quedaran suxeitas á dúbida nun primeiro momento. Daquela, sendo Deus a garantía do mundo exterior, a veracidade divina é o fundamento último da física cartesiana, baseada nesta idea de extensión.
Nisto sustenta Descartes o seu mecanicismo, aparece un mundo ríxido constituído pola extensión e o movemento, e dominado polos principios de inercia e de conservación do movemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario