O método cartesiano ten como
obxectivo fundamental a adquisición dun coñecemento do que podamos
estar seguros. Descartes afirma na primeira das súas Regras
para a dirección do espírito
que só podemos aceptar coñecementos certos que non deixen lugar á
dúbida, ou sexa que gocen de total evidencia. É por iso que a
evidencia goza dunha dobre función no pensamento cartesiano. Por
unha banda é a calidade esixida a calquera verdade adquirida despois
dunha correcta aplicación do método. Recordemos que cando trala
aplicación da dúbida hiperbólica Descartes acada a que considera
primeira e única ata o memento verdade indubidable, o cogito
ergo sum a total certeza
deste principio vai a servir como criterio da evidencia de calquera
outro a considerar. Pero por outra parte na estrutura interna do
método cartesiano, a evidencia é tamén aquel principio do que se
debe partir para deducir novas certezas. A verdade última dos
principios deducidos está directamente relacionada co grado de
evidencia dos que partimos. É por isto que para Descartes a
evidencia pode ser adquirida de dúas maneiras:
- A intuición directa entendida como a obtida polo espírito san e atento que pola súa esencia non pode deixar lugar a ningunha dúbida. Descartes cree que existen verdades innatas que se nos mostran xa de maneira intuitiva con total claridade e distinción grazas á propia disposición do nos espírito. A evidencia do suxeito contida no cogito ergo sum, ou os conceptos matemáticos son exemplos de verdades deste tipo. Para Descartes estas verdades poden acadarse de maneira moi sinxela e a súa evidencia forma parte da propia natureza dos principios.
- A dedución ou o proceso polo cal comprendemos todas as cousas que son consecuencia necesarias doutras coñecidas por nos con total certeza. Neste caso as verdades, aínda que poden non ser evidentes pos si mesmas, adquiren certeza do proceso mesmo da dedución, derivando a súa evidencia da evidencia dos principios dos que son deducidas.
É
importante sinalar aquí que para Descartes non existen deducións
erróneas. A dedución, operación pola cal se infire unha cousa
doutra é un proceso da razón e polo tanto non pode nunca facerse
mal. Os únicos erros posibles derivan da posible debilidade da
evidencia dos principios. De aí a importancia de poder garantir a
certeza destes principios, pois disto depende o éxito da adquisición
do coñecemento.
O
método cartesiano é habitualmente denominado como método
da dúbida hiperbólica.
É sobradamente coñecido como o autor somete á dubida escéptica
todo o seu saber para intentar establecer os cimentos dun coñecemento
ben xustificado, e como trala aplicación da máis radical das
dúbidas obtense finalmente a máis radical das certezas, a saber, a
evidencia da existencia do suxeito contida no cogito
ergo sum.
A certeza que se adquire, de carácter intuitivo, vai a ser o
primeiro dos principios que Descartes pretende utilizar para deducir,
nada máis e nada menos, que toda a realidade. O ambicioso do
obxectivo xustifica a radicalizade do método da dubida hiperbólica
para a consecución tamén dun principio do que non poidamos dubidar,
e que garante a evidencia das certezas acadadas no proceso dedutivo
posterior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario