René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

A posible confusión do sono-vixilia

A súa segunda dúbida, como vemos é de carácter ontolóxico. Por exemplo a diferenza da vixilia-sono. Neste punto, podemos dicir que Descartes sabe o que está experimentando, sabe como aparecen as cousas, pero non sabe, se é verdade que está sentado ou non a carón do lume cunha folla de papel na man, non sabe se realmente está aí o lume, e se está aí a folla de papel ou non o están, xa que non pode saber e apreciar verdadeiramente o está sucedendo no mundo que lle rodea. Como vimos, no punto anterior, Descartes dáse de conta de que se todo o que pode eventualmente aprender acerca do que está sucedendo no mundo circundante chega a el a través dos sentidos. E non pode determinar por medio dos sentidos se el está durmindo ou se pola contra, está esperto. Tódalas experiencias sensoriais que está tendo nese momento son compatibles tanto con un simple soño do mundo que lle rodea como coa realidade que está a vivir. 
Descartes deste modo, debe achar unha forma de determinar que non está soñando.
Desbotando a posibilidade de ter algunha deficiencia (como a tolemia), e por iso ser condición de que non lle permita acceder á realidade de maneira normal, a posibilidade de que podería estar durmido, dálle razóns “moi poderosas e sensatamente consideradas” para considerar que as cousas no mundo que lle rodea, sexan falsas. Pensa que é razoable insistir en que se debe de saber se está sentado xusto ó carón do lume, debe saber que non está soñando que está sentado a carón do lume. Xa que isto o ve Descartes, como unha condición necesaria (que non quere dicir que sexa suficiente) para saber algo acerca do mundo que o rodea. Despois de unha coidadosa reflexión descobre que “non hai indicios seguros por medio dos cales poidamos distinguir claramente a vixilia do sono”.
Conclúe que non sabe nada acerca do mundo que lle rodea, pois non pode determinar se está soñando, ou non, polo que tampouco pode cumprir unha das condicións precisas para saber algo do mundo.