René Descartes foi o primeiro en poñer a discusión sobre o problema do coñecemento e a verdade no centro do discurso filosófico, e o primeiro autor en pretender superar o escepticismo mediante o seu mesmo exercicio. Por tales motivos, escollimos as súas obras sobre esta materia como modo de introducirnos o estudo histórico da ciencia coñecida como "teoría do coñecemento"

As entradas e páxinas do blog, abaixo presentadas de maneira visual e casual, atopan a súa orde no pequeno mapa conceptual que se sitúa á dereita, que serve como guía para a lectura dos comentarios e fragmentos que aquí expoñemos. Esperamos que lles facilite a lectura!

A síntese cartesiana

 Só coñecendo o significado da "análise" cartesiana, xa que estes dous termos aparecen irremisiblemente unidos polas súas implicacións metodolóxicas, poderemos pasar a explicar o concepto de "síntese" en Descartes. Mentres aquela era definida como o proceso intuitivo que nos permitía ascender dende o máis complexo ata o máis simple, este, pola contra, permítenos percorrer o camiño contrario e pasar dende as verdades máis simples e loxicamente anteriores ata aquelas máis complexas. Recordemos que estes termos de "simplicidade" e "complexidade" se apartan das súas acepcións máis coloquiais e son importados por Descartes da órbita da xeometría/matemática.
Estes dous termos (e non só en Descartes, senón dende a súa concepción clásica) compoñen unha díada inseparable: ambos estudan as subdivisións e relacións da materia de estudo, cambiando tan so o sentido ou dirección deste estudo.
Aquilo que Descartes sitúa no punto de maior simplicidade, e do que debe partir deductivamente a síntese é denominado "absoluto" na Regla para a dirección do espírito Nº VI mentres que o que é dependente dun sistema de relacións máis amplo é chamado "relativo", así institúese o cogito como máximo expoñente dun elemento absoluto no pensamento de Descartes, en tanto que é o único que resiste á dúbida hiperbólica e todo aquilo que pretendamos coñecer debe derivarse necesariamente del. O método, en calquera das súas etapas e encarnacións, esíxenos coñecer e estudar as relacións e saber que elementos se derivan delas.
Pola razón que se expuxo anteriormente é normalmente situado nun lapso temporal posterior a síntese, xa que en Descartes presupoñemos que para descender cara o máis complexo debemos ter anteriormente unha noción máis simple e evidente. Ademais, na súa Regla VII para a dirección do espírito dinos que é preferible centrar a nosa investigación dos principios máis simples da ciencia para explicar, partindo destes e por proceso sintético, os máis complexos.
Mediante a interacción destes dous procesos pódese, segundo Descartes, alcanzar un coñecemento veraz e tan completo como poida alcanzar a razón humana.